Thursday 09 de May de 2024

Avanzan as obras de reurbanización no barrio de Xuxán, onde a vindeira semana comezarán os traballos da área de xogos infantís na praza central


A estimación da dirección de obra é que, en aproximadamente un mes, se inicie a intervención de cimentación no enlace de conexión coa rúa Juan Díaz Porlier, unha vía que permitirá unir Xuxán con Matogrande

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, supervisou esta mañá as obras de reurbanización que se están levando a cabo en Xuxán, onde avanzan os traballos para configurar a praza central do barrio, unha superficie de 12.500 metros cadrados.

En termos prácticos, e tal e como apuntou esta mañá Díaz Gallego, o proxecto previsto para a praza completouse xa na súa metade. A este respecto, os traballos para a pavimentación dos espazos de tránsito peonil están a un 20 %. A maiores, plantáronse 45 árbores —algo máis da metade dos previstos para a praza central, uns 80— e tamén remataron ostraballos para sementar as áreas de céspede, que xa comezou a ser visible en algunhas áreas da contorna.

Neste sentido, a dirección de obra ten previsto comezar, a vindeira semana, os traballos correspondentes á zona de xogos infantís que estará situada na praza central de Xuxán.

A conexión entre Xuxán e Matogrande

As obras de reurbanización en Xuxán abranguen a disposición dun enlace de conexión en forma de ‘U’ coa rúa Juan Díaz Porlier, en Matogrande. A estimación da dirección de obra é que os traballos de cimentación correspondentes ao paso —que permitirá enlazar de forma directa ambos os dous barrios, por riba das vías de ferrocarril— comezarán en aproximadamente un mes.

En paralelo, e tamén no barrio de Matogrande, continúan os traballos para erixir a nova pantalla verde entre o barrio de Matogrande e a avenida de Alfonso Molina. A intervención estase a levar a cabo no espazo situado en paralelo á rúa Enrique Mariñas, que conecta coa pasarela peonil sobre a avenida de Alfonso Molina.

O obxectivo desta actuación, que comezou a mediados de abril, é crear un espazo de protección visual e sonora para os peóns e as vivendas de Matogrande, ademais de achegar un maior valor estético.

No referente aos detalles técnicos, a pantalla verde terá 150 metros de lonxitude e cinco metros de anchura, e suporá unha intervención nunha superficie de 5.500 metros cadrados.